Alédome de que por fin te estea escribindo de novo Paulina: Volvo traballar en AMOR. Hoxe foi o primeiro día de ensaios no Salón Teatro de Santiago de Compostela. Eu ensaio no Ambigú que é onde presentarei un extracto de AMOR os días 25, 26 e 27 de maio xunto a Josi Lage e Avelina Pérez cas súas respectivas creacións (os pases comezarán ás 19:00h e as 20:30).  Estou contenta do traballo de hoxe. Tento tirar cara outro lado que cando ensaiaba na Regadeira de Adela. Os cambios sempre son bos, con eles apréndese. Desta vez tamén teño máis tempo e así pasei hoxe por varios sitios.  Afíxenme ao espazo e escribín sobre temas centrais que hai ou debería haber na vida dunha muller, logo pensei e traballei algo no poder que temos e/ou debemos recuperar as mulleres. Somos seres poderosos. Ti sintes que es poderosa ou que queres selo? A min a idea de ser poderosa encántame. Saquei un montón de temas máis como por exemplo o feito de esixirlles ás mulleres que sexan perfectas tanto de corpo como de accións e caracter. Pensei na sexualidade, en ridiculeces, en ser fea… e por suposto que tamén na miña obsesión de atopar unha estructura para AMOR que sexa líquida ou permeable pensei desta vez nunha estructura como un remuíño. Nin idea como poñer isto enriba do escenario sen ser explicativa-simbólica. Gústame a idea do caos. O caos-remuiño-muller. Logo pregunteime que é ser muller para min e unha das cousas que me saltou é o medo e outra que por nada no mundo quixera ser outra cousa por ser capaz de dar vida. Despois recordei un texto que mandaron nun destes grupos de whats.app de mulleres no que se fala de que o saber feminino foi adormecido a propósito porque se anunciaban tempos escuros, e que nos comprometimos a recordalo en canto pasará o perigo. Será agora a hora de despertar? Non sei se o perigo pasou pero cada vez nos noto máis fortes. Foi unha carta longa. Os primeiros días de ensaio sempre son moi ricos. Te manda unha aperta fonda, Helen.