O día 3 de marzo será a gala dos premios Mestre Mateo organizados pola Academia Galega do Audiovisual e tamén aquí estarán os abanos vermellos de CIMA para revinidicar máis presenza das mulleres no cine galego. Para iso pido o voso apoio! Usade #MÁISMULLERES na noite da gala nas vosas redes sociais para facer eco desa necesidade!

Sempre cando me sento a escribir un artigo sobre este tema vénseme a mesma frase á cabeza: Non vou dicir nin escribir nada novo. Vou repetir o que xa dixen, o que xa dixemos, o que xa dixeron e polo que parece aínda haberá que repetilo moitas veces ata que as cousas comecen a estar como deberían. E dito isto, sobre que escribo? Escribo de que se avanzar significa dar dous pasos cara diante e un cara atrás, no que respeta ao feminismo, debemos estar xusto no paso cara atrás (ou quizais xa no seguinte cara adainte)? Falo de que moitas vivimos/viven na ilusión de que polos dereitos da muller xa se loitou e xa se conseguiron, así que para que tanto balbordo? Ou menciono mellor que se están a facer cousas marabillosas e dando grandes pasos para unir a tódalas mulleres na loita por unha sociedade igualitaria? Que se están vendo máis metas, metas que farán deste lugar un lugar mellor, no que haberá respeto cara ao noso planeta e entre tódolos seres que o habitan? Pódese escribir tamén de violencias de xenero esquecidas durante moito tempo como a violencia obstétrica! Ou de circulos de mulleres, do consello das avoas indíxenas e do saber feminino máis oculto! O tema das estatisticas tamén da moito xogo para ver unha vez máis que as mulleres estamos en minoría nos sitios que "importan" na nosa sociedade patriarcal. Falamos de historia? Falamos das bruxas, do seu coñecemento e do seu exterminio organizado xamais recoñecido como tal? Falamos da rabia colectiva das mulleres? Falamos da incomodidade que nos debe supoñer vivir nunha sociedade en desequilibrio que prima valores masculinos e que deixa os "lados femininos" orfos e sen a atención necesaria? Cantas mulleres terán en conta que a orixe da súa tristura crónica pode estar no feito de vivir "patriarcalmente"? O feminismo quizais aforre gastos en terapias! E xa postos podería escribir de que a algun@s non lles gusta a palabra feminismo e se é así por que non buscan/buscamos outros nomes para poder traballar tod@s xunt@s? Fará falla? Falamos de unirnos todas e deixar de criticar o feminismo (chamao como queiras) da veciña? En total eu penso que o matriarcado será moi diverso e haberá cabida para todo... Resumindo: Hai tanto, tanto, tanto que facer que non chega unha vida. Volvamos á realidade. Fagamos ruido, fagamos que se nos vexa, fagamos que cada día xente se una á esa loita, a andar ese camiño, que é tan bonito e que ten tanto que descubrir e aprender! Si, son unha romántica. As románticas tamén farán falla na loita por #MÁISMULLERES en todas partes, ou? E para aplicarte loitando tes ocasións de sobra agora co 8 de marzo á volta da esquina. Así que máns á obra!!! Participa na acción de CIMA Mulleres Cineastas na noite da gala dos Mestre Mateo (día 3 de marzo a partir das 20:00h) usando #MÁISMULLERES nas túas redes sociais para dar visibilidade e saída á necesidade de ter máis presencia feminina en tódolos ámbitos da vida e especialmente nas grandes e pequenas pantallas que son o espello da nosa sociedade e que a día de hoxe dan unha imaxe moi distorsionada de como vivimos. Tanto no que se refire ás historias que se contan como nas estadísticas séguense vendo unha falta de mulleres en case todas partes e estamos aquí para cambialo. Para que tod@s poidamos gozar de historias de calidade sobre mulleres e homes ao igual.   Deixo aquí un listado de enlaces de interés que irei actualizando: CIMA - abanos vermellos nos Mestre Mateo Praza Pública - O feminismo galego manifestarase o 4 de marzo en Vigo - Folga feminista - Conta atrás Folga feminista - materiais La Caja de Pandora - Facebook Modus Vivendi - Marzo en feminino