helen@helenbertels.com 0034 666 72 92 19
#MisionConcilicacion
agosto 31, 2017
0
Este artigo escribino para #MisionConciliacion para a anual quedada en Twitter organizada por Madres Guerreras para visibilizar e empurrar ao cambio o lamentable estado de NON CONCILIACIÓN en España. Para velo artigo principal e participar pincha aquí.

Eu non vexo moito ao meu fillo e aínda así pode que o vexa máis que outras nais e outros pais. Rompémonos por dentro querendo e tendo que estar en todo: no traballo, cos fillos, coa parella etc. E logo aparecen os conflictos: o neno só quere estar con Papi, porque a ti case non te ve. E a Papi? Meu deus, cando o viches por última vez tranquilamente, quizais a soas, sen que estivese durmido? Xa non o lembras.

Ter fillos é marabilloso. É o máis completo que me pasou nunca e quizais me encantaría seguir ampliando a familia pero é facer un encaixe de Camariñas. Xa teño actuacións apalabradas para o ano que ven e como vas planificar un embarazo e un puerperio polo medio cousa que é algo implanificable.

A conciliación non é a solución final.
Eu non vexo que a solución sexa unha conciliación da vida laboral e familiar, aínda que é un primeiro paso absolutamente necesario e urxente. Eu xa escribín máis veces que creo que o que hai que facer é que as “diferentes vidas” (laboral, familiar, de xente sen e con fill@s) estean as unhas dentro das outras. É dicir que se conteñan e non que haxa que atoparlle so sitios nos que se sobrepoñan (se queres ler máis pincha aquí). Cando tes fill@s vives nun mundo aparte, porque os que non teñen moitas veces non teñen nin idea de como é a túa vida, e máis no mundo das artes escénicas onde os nenos son poucos e ás veces incluso mal vistos.
Por que hai tanta xente que vive alonxada das familias que son as que crean o verdadeiro futuro deste país? Por que a familia non é prioridade de Estado? (Pregunta retórica. Tod@s sabemos a resposta: as elecións son de 4 en 4 anos e polo que parece en moitos casos pouco máis alá se pensa.) Por que hai xente que se eleva soberbia por enriba dos que teñen fillos porque lles parecen “uns desastres e fan moito ruído”?

A trampa da independencia.
As familias tradicionais (varias xeracións nun espazo) desapareceron e agora “por fin” somos todos independentes. Temos a nosa vida propia e podemos facer o que nos peta. Ninguén nolo impide. Somos libres! Pero isto de verdade nós conven? Así non se abrirán buratos que nos comerán? Non terá como resultado que non compartiremos os nosos problemas e as nosas alegrías, porque non temos con quen? E non é que por conseguinte os que non teñen nen@s non saben como vivimos as familias, como somos, que facemos, que precisamos e que nos fai chorar e rir? Moitas veces non o compartimos porque non temos ocasión con tanta independencia. E como non temos con quen falar tampouco temos quen nos poida quedar ca crianza cando precisamos ir correndo a non sei onde ou cando estamos cans@s e é urxente ter un momento de tranquilidade para seguir sendo human@ ou cando por exemplo nos apetece estar un pouco coa nosa parella. E os outros se perden a ocasión de poder formar parte de toda esa riqueza en tódolos sentidos, tamén para aprender para cando el@s formen a súa familia.

E @s que fan a sociedade dende arriba?
E logo hai outra cuestión a ter en conta. O goberno conta demasiadas veces con que os avós (a familia) xa se encargarán… de coidar bebés, de readmitir fillos nos seus fogares cando se acabe o paro, etc.

Buf, isto non hai quen o amañe.
Parece unha situación fea e cústame atopar as palabras esperanzadoras do final.
Precisamos un cambio de paradigma na nosa sociedade. E non sei como será o camiño exáctamente pero creo que non é de rápida construción en 4 anos. O que me tranquiliza é que despois de nós seguirán con este traballo os nosos fillos educados con AMOR e RESPECTO. Creo que esa é a clave para que o mundo no que vivimos cambie. Máis amor, máis respecto e crear unha vida conxunta na que nos gusta depender os uns dos outros, é dicir na que aprendemos a vivir xunt@s e a dar e tomar.

A taza é unha peza moi especial e única de COPIA_cerámica feita en SARceramica en Santiago de Compostela e contén unha riquísima infusión de tomiño porque levo máis dun mes con tos.
Se queres que siga escribindo e que che adique un dos meus posts aquí en helenbertels.com, agasállame unha taza especial para que apareza na foto (pídeme o meu enderezo postal por email e se queres pódesme mandar tamén un tema sobre o que queres que escriba, esto último non é estrictamente necesario).

Deja un comentario