espadela art studio

Hoxe estrease Migas de Pan de Manane Rodríguez de Xamalú Filmes (filme no que tiven o pracer de traballar hai dous veráns) en moitas cidades de España (entre elas, Santiago nos Cines Compostela ás 20:10 e 22:15h.). Eu puiden asistir á pre-estrea o domingo pasado na Coruña no Teatro Colón. Gustoume moito e quedei impactada. Espero de todo corazón que moita, moita xente vaia vela e que sexa contaxiada polo espírito destas mulleres das que vai o filme. Ás veces coido que se nós aquí só loitasemos o 5% do que loitaron e loitan esas Uruguaias, viviriamos nun mundo e tamén nun estado ben diferente! Por que andamos tan durmidos por estes lares? Este é un dos momentos nos que maldigo as neuronas espello. Espertemos xa! Ao principio será difícil vencer a inercia que nos ata e enreda día tras día, semana tras semana e así ata chegar a decenios e centurias! Pero unha vez que a bóla comece a moverse será imparable! Leamos! Vaiamos ao teatro e ao cine… Formémonos un espírito crítico propio. Acabemos con aquilo que nos está a roubar a consciencia na tele, nos xonais, revistas e demais medios… Deixemos facebook e saiamos á rúa a dicir as cousas a berros se fai falla. Atrevámonos a sentir, a sentir a dor do cambio, deixemos de movernos por un mundo paralelo onde todo está impregnado dunha falsa felicidade e empecemos a pensar por nós mesm@s. Soñemos alto e comecemos a andar por camiños que aínda estando cheos de pedras levan a unha cima dende onde se pode contemplar a vida, o mar, o bosque, a chaira, os campos, en fin: a beleza. Non deixemos máis que os “opios” do pobo nos convirtan en seres que encaixan nunha maquinaria que só esixe e cada día máis e máis e máis ata queimarnos viv@s.
Ide ver Migas de Pan! Unha película sobre as mulleres que resistiron con intelixencia e creatividade a dictadura de Uruguai sen calar a boca e no día de hoxe aínda non experimentaron xustiza, tal e como lle pasa a unha cantidade asombrosamente grande de persoas por todas partes. Éme imposible comprender como uns señores da guerra, bestas, torturadores, violadores, totalmente inhumanos poidan seguir en cargos ou gozar dun retiro tranquilo sendo membros “respectados” dunha sociedade.
Ide ver Migas de Pan! Ide vela!

Este post vai adicado a María unha muller loitadora, unha desas que vai por un camiño cheo de pedras, sen acougo subindo para poder contemplar a paisaxe e sentir a súa beleza.

Moitas grazas por ler, comentar e compartir!

 

Taza de Favorito Studio e colar cortesía de Espadela Artesanato (de Compostela).

Se queres que siga a escribir e que che adique un dos meus posts aquí en helenbertels.com, agasállame unha taza especial para que apareza na foto (pídeme o meu enderezo postal por email e se queres pódesme mandar tamén un tema sobre o que queres que escriba, isto último non é estritamente necesario).

Privacy Preference Center