taza novembro 2016

Hoxe escribo sobre os soños e a miña dificultade e a aparente imposibilidade de chegar a eles.

Eu son unha persoa que ten soños. Se ti tamén es capaz de soñar podes sentirte máis especial do que pensas. Nas miñas clases de alemán hai unha lección que vai sobre a sorte e os soños e entón pregunto aos meus alumnos que soños teñen. Incriblemente hai moitos que non teñen ningún. Antes de comezar o traballo de profesora para min era inimaxinable que puiderase haber persoas sen soños. De feito nunca me puxen a pensar nesta pregunta. E si, existen. Para que vivirán?

A min pásame todo o contrario. Teño moitos, moitísimos e penso que me falta o tempo para velos realizados. Espero estar equivocada!

Gustaríame viaxar ao redor do noso planeta visitando mulleres desas que moven o mundo. En Mongolia ten que habelas, nas illas Cook no medio do Pacífico tamén, entre as nativas de América, en África e en Francia, Exipto e Islandia. Gustaríame comezar a viaxe sen un plan demasiado ríxido e ver onde me leva.

Gustaríame ter máis fillos e vivir máis embarazos e partos. Son experiencias únicas que rozan os límites. O noso límite sendo muller, o do noso mundo, o do noso aguante,… Nunca tiven unha vivencia tan indescritible. É cósmica! Inimaxinable para quen non a notou nas súas carnes.

Gustaríame ter tempo para escribir. E ter tempo para escribir quere dicir tempo para pasear, tempo para estar co meu fillo, tempo para cociñar, para arreglar a miña casa, tempo para vivir. Teño tantas cousas que dicir, que sacar á luz que me produciría (e xa me está producindo) unha dor espantosa se mas tivese que levar á tumba. Sería malgastar a miña vida.

Gustaríame vivir nunha casa ao carón dun bosque. Dun bosque caducifólio que en outono lucería mil vermellos, amarelos, verdes e marróns. Un bosque onde os cervos se fan escoitar alá por setembro e onde en inverno as xiadas fan o seu debuxo frío e elegante. Que haxa campos en flor en verán e olor a herba e paxariños e gromos delicados en primavera. Como boto en falta a terra.

Gustaríame estudar filosofía, mergullarme no saber e buscar as mulleres que non aparecen nos libros académicos pero que teñen que estar nalgunha parte. Iso faríame inmensamente feliz. Aprender. Conectar. Gozar. Coñecer palabras novas, sentir o que sabemos, achegarnos ao que somos ao que é e ao que non é.

Gustaríame que estes soños se fixesen realidade porque iso é o que me faría feliz. É o que me faría ser capaz de vivir. Escribindo son feliz. Aprendendo son feliz. Estando coa miña familia son feliz. Creando son feliz. Viaxando tamén…

No mundo no que vivo, semella imposible todo isto co que soño porque é difícil que ningunha desas cousas dea cartos para poder defenderme no día a día. Porque non se consideran importantes nin valiosas no noso mundo consumista. Escribir un libro por exemplo leva moito tempo (anos) ou precisa de profundidades de experiencia polas que tivemos que pelexar moito, pero seica o que se pode ganar con el é unha propina nada máis (Seica! Non o sei seguro. Xa vos contarei.) Crear unha obra de teatro, buscar ás mulleres da filosofía, correr tras dos raposos no bosque xiado e facer que o meu fillo teña un sorriso tódolos días non son tarefas que teñan tanto interese (capitalista) como para poder vivir delas día trás día… Precisamos un cambio. O noso mundo precísao! Eu preciso outro mundo e non son a única. Pero son pesimista. Gústanme as profundas escuridades. Vaime o drama. O mundo fíxome así. A ver se aprendo a aceptarme aquí e agora!

Grazas por ler, comentar e compartir.

Se queres que siga a escribir e que che adique un dos meus posts aquí en helenbertels.com, agasállame unha taza especial para que apareza na foto (pídeme o meu enderezo postal por email e se queres pódesme mandar tamén un tema sobre o que queres que escriba, isto último non é estritamente necesario).

Publicacións relacionadas

Privacy Preference Center